Monday 06 de May de 2024

Éxito de público na “II Feira de antigüidades, coleccionismo e vintage” organizada polo Concello e a asociación Ferro Vello


A segunda edición da Feira de antigüidades, coleccionismo e vintage foi todo un éxito de público. Así o asegurou a concelleira de Feiras, Mar Gómez, e tamén representantes da Asociación Ferro Vello, que colaborou co Concello na organización deste evento. Unha trintena de anticuarios participaron nesta edición, iniciada onte e que continuou hoxe durante todo o día no pavillón da Mocidade, na Gándara.
As persoas que se achegaron ás citadas instalacións municipais tiveron a oportunidade de ver e adquirir diferentes artículos, como artesanía, mobiliario, discos, ferramenta, moedas e selos antigos, elementos de decoración, aparellos de labranza, selas, pranchas antigas, potes… e moitos outros produtos.

Dende a Asociación Ferro Vello aseguraron que “as persoas que participaron están moi satisfeitas con esta feira, polo ambiente destes dous días, e xa manifestaron a súa intención de acudir nunha vindeira edición”. Así mesmo, agradeceron “a implicación e o apoio do Concello” como organizador da convocatoria xunto coa entidade.

Pola súa banda, a concelleira de Feiras destacou tamén o labor da asociación Ferro Vello “que ao igual que na anterior edición, a primeira, axudou ao Concello a consolidar esta convocatoria, que novamente tivo unha excelente acollida entre as veciñas e veciños de Narón e tamén doutros concellos que se achegaron ao evento”. Gómez agradeceu tamén “o feito de que os anticuarios e anticuarias que viñeron, a gran maioría por segunda ocasión, trouxeron unha gran variedade de artículos para vender, o que fai que esta feira conte cun maior atractivo entre aquelas persoas que queiran mercar pezas nalgúns casos únicas”.

A edil naronesa avanzou que “á vista do éxito desta convocatoria, traballaremos xa na terceira edición, que probablemente se celebrará nos primeiros meses do vindeiro ano, antes da primavera”.